Raianos

Ancares bercianos e os lucenses son dous corpos nunha soa alma. Como demostra a “Literatura de tradición oral en el Bierzo” da investigadora galega Alicia Fonteboa, nada ó pé das fontes nacentes do río Lor. O corpus folclórico que Fonteboa recolleu abrangue trinta e seis localidades berciáns, nas que aparecen tradicións en lingua galega. O mesmo pasa nos concellos ancareños e nos concellos limítrofes occidentais asturiano-galegos.

 

Na recolleita que levou a cabo a MDGA ( Mesa da Defensa do Galego de Asturias ) os “ Cantos populares da terra Navia-Eo” demostran a permanencia das tradicións orais da raia galego-asturiana. Acontece o propio nos concellos raianos da Serra do Courel e as aldeas da raia berciana. No caso do Concello de Folgoso do Courel as lendas, contos, adiviñas, cántigas, conxuros, refráns, romances, etc, mostran semellanzas cos das aldeas raianas dos concellos da Veiga,- como din os naturais da Vega de Valcarcel-, ou das aldeas raianas de Oencia ou Barxa (Barja). A similitude é tan notoria nos cantares, lendas e refráns que se pode insistir na comuñón dos dous corpos unidos nunha alma conxunta. No caso dos galegos-berciáns a fala ten singularidades como a terminación “in”: muín, camín, etc, o mesmo din nas aldeas do Bierzo ca nas courelás ou nas ancareñas. A pesar de pertencer a Castela-León, moitos naturais da raia berciana séntense identificados con Galiza a través do cordón umbilical da lingua, costumes e tradicións. No Concello de Folgoso do Courel, as relacións da veciñanza noutros tempos se cadra foron moito máis estreitas, pero aínda hoxe os naturais das aldeas bercianas da raia son quen de sembrar que… - “Os de Lindoso ían en cavalerias as fontes da Nogueira por auga e os de Hórreos viñan polo Faro as Ferrerías a busca-lo viño” (sic)- asegurounos o sr Álvaro Mendo, natural de Campo de Liebre que dende hai máis de cuarenta anos vive en Lindoso. O mesmo informante foi quen de escoitar ós vellos…(…) Dende Visuña, Ferramulín ou Villarubín, na dureza do inverno, viñan enterrar a Lindoso (Vega de Valcarce), os vellos dicían que o cortexo fúnebre viña pola Fonte do Faro e que, os portadores da Caixa esperaban que os “vecíns” apartaran a neve coas palas. Traían os mortos polas faldas do Campeloso ata Brañas da Serra e Lindoso, onde enterraban os mortos do Courel na terra, sen lápida.(…) ( sic). O mesmo infor mante fainos observar que: (…)- A igrexa do San Salvador mira para o bispado de Lugo, o campanario dá para Lugo, os da Veiga (Vega de Valcarce) e asoutras igrexas, dan para Astorga.-(…) (sic). O Sr Álvaro Mendo pretende demostrar a vinculación galega de Lindoso cando di (…) No cemiterio de Lindoso comezouse a enterrar moito máis tarde, os mortos do Courel están trala igrexa, na finca do Fidalgo, onde creceron os carballos…(…) (sic) ¡Nada mellor que converterse en carballo e escoitar os contos e as lendas galego-berciáns!. Ó fin “Morrer é ficar morto” que di Novoneyra no “Tempo de Elexía”. E, “ Vivir é ficar só” que di Méndez Ferrín no “Ventre do Silencio”. Por algo prometeu Novoneyra nos Eidos: “Hein d'ir a Céramo cruzal'o Faro(…)-

A mediados do pasado mes de setembro Villafranca do Bierzo apoiou a candidatura do Patrimonio Inmaterial Luso-Galego como “Obra Mestra da Humanidade”, colaborando na edición do libro-DVD “ Meninos Cantores”, no que participaron rapaces das raias. Villafranca ofreceu una mostra de oficios artesáns, xogos tradicionais, etc, ademais dun recitado de poemas berciáns do poeta Fernández a cargo de Anxo Angueira. Non hai que esquecer a importancia da obra de Fernández y Morales na trasmisión da lingua do Bierzo Baixo O interese dos berciáns pola cultura gallegoportuguesa o demostra o fomento da cultura e a lingua galega. O mesmo pasa nos concellos das Portelas zamorás. Porto Hermisende, Lubián, Pías e, O Padornelo, tamén son galegofalantes e preservan a oralidade. O propio acontece cos concellos raianos ourensáns e as aldeas trasmontanas das raias portuguesas dos concellos de Montealegre, Chaves ou Vinhais… que gardan memoria de lendas, contos e, tradicións conxuntas, o mesmo que acontece nas aldeas dos transfronteirizos Parques Naturais da Baixa Limia -Xúres- Peneda- Gerês.

E por suposto, preservan a fala e a oralidade os irmáns miñotas de ámbalas dúas bocarribeiras do pai Miño que foron quen de estreitar os lazos transfronteirizos a través dos cantares, contos, lendas, etc que Santiago Veloso, o ideólogo do programa radiofónico PONTE NAS ONDAS, propuxo para a candidatura da UNESCO. Lendas, contos e cantares, etc que os rapaces miñotos escoitaron dos seus avós. A importancia dos territorios que conservan a fala galego-portuguesa a través da identidade histórica e cultural que irmanda os pobos, vén dada pola preservación da oralidade dunhas 300.000 persoas, motivo que levou a solicitar á UNESCO a candidatura do Patrimonio Inmaterial Luso-Galego como “Obra Mestra da Humanidade”. As fronteiras delimitan os territorios, pero os raianos teñen o sentir conxunto.(…) Vendo-os assim tâo pertinho / A Galiza mailo Minho /sos como dois namorados / que o río trar separados / quasi desde o nascimento / Deixalos pois namorar / Jä que os pais para casar/ Eles nao dar consentimento (…)(sic) Joâo Verdes.

Quedan fóra das raias, -pero non fóra da galeguidade-, os enclaves extremeños que durante séculos foron quen de conservar a fala galega. Enclaves raianos coa Beira portuguesa ós que o illamento xeográfico axudou a conservar a língua dos repoboadores galegos. Enclaves da galeguidade como San Martín de Trebello ou San Martí de Trevellu (que levan por nome mañegos), ou os naturais de As Eljas ou D'As Ellas (os que chaman lagarteiros) e mesmo os de Valverde do Fresno ou Valverdi du Fresnu (os que chaman valvedereiros). Estamos a falar das aldeas cacereñas raianas con Portugal a cabalo entre a Serra da Malaca portuguesa icluída na Rede Natura, como o Courel- e coa interesante rota do Vale da Ursa- e a “Serra dos Angeles”( a carón das Hurdes extremeñas). Nestos auténticos enclaves da galeguidade, ós naturais de Trebello, Valverde ou Elas falan unha lingua distinta á veciñanza salmantina, nin sequera os entenden os seus paisanos estremeños, pero si os vellotes portugueses. Valverde do Fresno é unha aldea cacereña raiana co concello portugués de Penamacor, no que resoan os poemas de Eugénio de Andrade (…) mas eu son destas casas, destas ruas/ deste amor a escorrer melancolía(…) ( sic).

A unha carreiriña de can de Valverde están Penamacor, Aldea do Bispo, Joâo Pires, Medelim, Penha García e, a aldea de Monsanto, do concello da Idanha-a- Nova, -distrito de Castelo Branco-. A aldea do “Monte Santo” portugués ostenta “o galo de prata” que lle outorga o título da “aldea máis aldea de Portugal”. Aldea de pedra e alma templaria Monsanto conserva o castelo reconstruído polo mestre templario Gualdim Pais. Algúns identifican o castelo de Monsanto o gardián do Grial portugués. E aínda que hai tempo o progreso chegou a Monsanto, o recinto fortificado traspórtanos ó bastión cátaro do Monsegur francés. Lendas de lobishomes, meigas, mouras encantadas e o temido“ sete Couros” do imaxinario compiten coas lendas dos enclaves transfronteirizos. Monsanto garda memoria da lenda de Santo Amador de Vir-a-Côrca, na que o eremita alimentou con leite de corza a un neno que depositara na súa cova unha impoñente aguia. A outra carreiriña de can de Valverde del Fresno, está Monfortinho coas célebres Termas e, un pouco máis ó sur das lexendarias Idanhas Nova e Velha, ó carón de Castelo Branco, atópase Monforte da Beira, un dos numerosos montefortes portugueses que fan lembrar ó “Monforte” lucense dos Condes de Lemos emparentados coa Casa de Bragança portuguesa. O mesmo conde de Lemos contra o que se levantaron os habitantes do Courel en favor dos santiaguistas, cando o de Lemos pretendeu señorearo castelo do Carbedo courelán. Santiaguistas que, -curiosamentenos comezos da orde de cabaleiría chamáronse “Cabaleiros de Cáceres”, encordando os sinuosos camiños que levaron a orde deCáceres ó Courel, onde os santiaguistas contaron coa encomenda máis importante de Galiza.

Non hai que esquecer que en tempos do rei García I, Galiza chegaba ata o Mondego, río que baña o concello da Guarda e a maxestusosa Serra da Estrela e mailas Terras de Coimbra,terras doadas polo rei Afonso VI á súa filla ilexítima dona Tareixa quen gobernou o Condado Portugalense xunto co seu esposo, oconde borgoñón don Enrique. Á morte do conde francés, dona Tareixa asesorada polo Conde de Traba, intitúlase “raíña de Portugal” o que non gustou ós nobres portugueses que animaronó fillo da condesa, Afonso Henriquez, a alzarse contra a nai coroándose Iº rei de Portugal, o que deu lugar á NaciónPortuguesa. Producíndose pouco a pouco a desgaleguización e,permanecendo só na galeguidade nos enclaves estremeños repoboados polo rei Afonso VIII no S. XIII.

É cousa de todos traballar pola conservación da fala e da oralidade. Polo que paga a pena preservar as tradicións como a PISA DA CASTAÑA que se pode contemplar na aldea de FROXÁN , do Concello de Folgoso do Courel ( Lugo) Galiza.

Mercedes Vázquez Saavedra. Encordando raias. Verán-Outono2005

El Tiempo Folgoso do Courel