Estatutos

ESTATUTOS DA ASOCIACIÓN SOCIOCULTURAL “FONTE DO MILAGRO”
ADAPTADOS A LEI ORGÁNICA 1/2002 DE 20 DE MARZO



DENOMINACIÓN, ÁMBITO E DOMICILIO


TÍTULO 1
DA ASOCIACIÓN EN XERAL



Art.-1º
Constitúese no Concello de Folgoso do Caurel, unha Asociación que se denominará: ASOCIACIÓN SOCIO-CULTURAL “FONTE DO MILAGRO”, e que se rexerá pola vixente Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de Asociación e demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicable, dentro do marco da Constitución e do resto do ordenamento xurídico.
 

Art.-2º
Son fins da Asociación:

  • a) Estudio e resolución dos problemas comúns dos asociados, relacionados co medio, tanto local, como rural e a vida social do territorio que asinan os Estatutos.
  • b) A realización e promoción de actividades culturais e recreativas, nas súas diferentes formas e manifestacións.
  • c) Cantas outras actividades lícitas sexan da conveniencia dos intereses comúns do vecindario.
  • d) A Asociación non ten fins lucrativos nin está sometida a ningún réxime asociativo específico.

 

Art.-3º
O domicilio da Asociación radicará en Froxán, s/n. C. Postal 27325 O Caurel (Lugo)
 

Art.-4
A Asociación desenvolverá as súas actividades dentro do ámbito territorial da Provincia de Lugo, e a súa duración será indefinida e solo disolverase, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresa en Asemblea Xeral convocada ó efecto e por calquera das causas previstas nas leis así como por sentencia xudicial firme.
 

Art.-5º
A Xunta Directiva, como órgano de representación da asociación, será competente para interpreta-los preceptos contidos nos Estatutos, someténdose en todo momento á normativa legal vixente en materia de Asociacións.
Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante acordo que validamente adopten a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dentro das súas respectivas competencias.
 

 

TÍTULO II
DOS ÓRGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN
 

Art.-6º
A Dirección e Administración da Asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
 

Art.-7º
O Presidente da Asociación, que o será tamén da Xunta Directiva, asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.
 

Art.-8º
A Xunta Directiva é o órgano de representación que xestiona e representa os intereses da Asociación, de acordo coas disposicións e directivas da Asemblea Xeral. Estará formada por un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Vicesecretario, Un tesoureiro e catro vocais.
Solo poderán formar parte da Xunta Directiva aquelas persoas que ostenten a condición de asociados, que sexan maiores de idade, teñan o pleno uso dos dereitos civís e non estean incursos nos motivos de incompatibilidade establecidos na lexislación vixente.
 

Art.-9º
Os cargos que compoñen a Xunta Directiva elixiranse pola Asemblea Xeral, entre tódalas candidaturas que se presenten, resultando elixida de entre todas elas aquela que obteña máis votos, tras previo proceso no que se fará a presentación de cada unha delas e do seu programa de goberno pola persoa que as encabece. En todo caso nas candidaturas presentadas á Xunta Directiva deberán estar perfectamente determinados e distribuídos os distintos cargos da mesma entre os seus integrantes.
Os cargos da Xunta Directiva durarán un período de 4 anos, aínda que poderán ser obxecto de reelección.
 

Art.-10º
Os membros da Xunta Directiva non percibirán ningunha retribución polo cargo desempeñado.
 

Art.-11º
É función da Xunta Directiva, programar e dirixi-las actividades sociais e leva-la xestión administrativa e económica da Asociación, someter á aprobación da Asemblea Xeral o presuposto anual de gastos e ingresos, así como o estado de contas do ano anterior.
 

Art.-12º
A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente, a iniciativa propia ou a petición de polo menos un tercio dos seus compoñentes.
Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente, e en falta de ámbolos dous, polo membro da Xunta Directiva de maior idade.
Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados por maioría de votos dos asistentes, sendo precisa a concorrencia, polo menos da metade máis un dos seus membros, incluídos o Presidente e o Secretario ou que estatutariamente os substitúan. Das sesións o Secretario, ou no seu defecto, o Vicesecretario, levantarán acta, que se transcribirá ó Libro de Actas.
 

Art.-13º
Os membros da Xunta Directiva presidirán as Comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de demandar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas Comisións o número de Vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos Presidentes.
 

Art.-14º
O presidente da Xunta Directiva terá, ademais das facultades asignadas no Art..- 7º, as seguintes atribucións.

  • a) Convocar e levanta-las sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixi-las deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade no caso de empate.
  • b) Propoñe-lo plano de actividades da asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
  • c) Ordena-los pagamentos acordados validamente.
  • d) O Presidente estará asistido nas súas funcións polo Vicepresidente, que ademais o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Art.- 15º
O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o Libro de Rexistro de Socios e terá o seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Auxiliarao nas súas funcións e substituirao nas súas ausencias o Vicesecretario.
 

Art.- 16º
O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación e dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente. Así mesmo, formalizará o presuposto anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior, que deben ser presentadas á Xunta Directiva, para que esta a súa vez, os someta á aprobación da Asemblea Xeral.
 

Art.- 17º
Cada un dos compoñentes da Xunta Directiva, terá os deberes propios do seu cargo, así como os que nazan das delegacións ou comisións que a propia Xunta lles encomende.
Incumbirá de maneira concreta ó Secretario, no seu caso, ó Vicesecretario, velar polo cumprimento das disposicións legais vixentes en materia de Asociacións, custodiando a documentación oficial da entidade e facendo que cursen a Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais das comunicacións sobre designación da Xunta Directiva e outras que sexan requiridas.
 

Art.- 18º
Asemblea Xeral é o órgano supremo de goberno da Asociación, integrada polos asociados, que adopta os seus acordos polo principio maioritario ou de democracia interna, e que reunirase sempre que o acorde a Xunta Directiva, por propia iniciativa ou polo que acorde a décima parte dos seus asociados.
Obrigatoriamente a Asemblea Xeral deberá ser convocada en sesión ordinaria polo menos unha vez ó ano, para aproba-lo Plano Xeral de actuación da Asociación, censura-la xestión da Xunta Directiva, aprobar, no seu caso, os presupostos anuais de ingresos e gastos, así como o estado de contas correspondentes ó ano anterior e cantas outras se sometan á votación no capítulo de rogos e preguntas.
 

Art.- 19
A Asemblea Xeral convocarase pola Xunta Directiva, con carácter extraordinario, cando o esixan as disposicións vixentes, o acorden os membros da Xunta Directiva ou o solicite un número de asociados non inferior ó 10 por 100, e en todo o caso para a modificación dos Estatutos, así como para elixi-los membros da Xunta Directiva, disposición ou alleamento de bens, determinación das retribucións dos membros da Xunta Directiva, disolución da Asociación, expulsión de asociados a proposta da Xunta Directiva, aprobación do regulamento de réxime interno da a Asociación e a solicitude da Declaración de Utilidade Pública. Tamén é da súa competencia a Constitución de Federacións, Confederacións ou Unións ou a súa integración nelas.
 

Art.-20º
As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, serán feitas por escrito, expresando o lugar, data e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a primeira convocatoria e o día da reunión deberán mediar polo menos quince días naturais; a segunda convocatoria realizarase media hora mais tarde da primeira
Así mesmo incluiranse na orde do día das convocatorias aqueles asuntos propostos por un número de asociados da Asociación non inferior ó 10 por 100, que as presentaran perante o Secretario da Xunta Directiva cunha antelación mínima de sete días á celebración das sesións das Asembleas Xerais.
 

Art.- 21
A Convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria de modificación dos Estatutos da Asociación estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 7 días para que calquera asociado poida dirixir ó Secretario as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días realización da mesma.
 

Art.-22º
As Asembleas Xerais Ordinarias ou Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria, cando concorran a elas, presentes ou representados, a metade máis un dos asociados, e en segunda convocatoria cando asistan a décima parte dos mesmos.
 

Art.- 23º
Os Acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen ós negativos. Non obstante, requirirán maioría cualificada das dúas terceiras partes das persoas presentes ou representadas, os acordos relativos á disolución da asociación, modificación dos Estatutos, disposición ou alleamento de bens e remuneración dos membros do órgano de representación.
 

Art.- 24
A Xunta Directiva resérvase o dereito de decisión, sobre situacións non contempladas nestes Estatutos, sempre que non sexan incompatibles coas xa existentes e non estean en contradicción coa lei vixente reguladora do dereito de asociación e demais disposicións regulamentarias que a desenvolvan.
 

Art.- 25
Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.
 

Art.- 26º
A Asociación disporá dunha relación actualizada dos seus asociados, levará unha contabilidade que reflicta a imaxe fiel do patrimonio, do resultado e da situación financeira da entidade, así como as actividades realizadas, efectuará un inventario dos seus bens e recollerá nun libro de Actas as reunións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.
 

 

TITULO III
DOS ASOCIADOS, DEREITOS E OBRIGAS




Art.- 27º
Poderán Ser membros da Asociación, libre e voluntariamente, as persoas físicas e as persoas xurídicas, legalmente constituídas, sexan estas públicas ou privadas, que dalgunha maneira teñan interese en servi-los fins da mesma e sexan admitidos pola Xunta Directiva,

A Xunta Directiva poderá outorga-lo nomeamento de membro honorario ás persoas que estime oportuno sen que iso leve consigo a condición xurídica de asociado. Tamén se lle pode dar o nomeamento de socio colaborador, as persoas ou entidades públicas ou privadas que dalgún xeito especial colaboren cos fins da Asociación.
As persoas físicas deberán ter capacidade de obrar e non estarán suxeitas a ningunha condición legal para o exercicio do dereito.
As persoas xurídicas de natureza asociativa requirirán, para formar parte da asociación. O acordo expreso do seu órgano competente e as de natureza institucional o acordo do seu órgano rector.
 

Art..- 28º
Aquelas persoas que desexen pertencer á Asociación solicitarano por escrito no modelo solicitude o Presidente, o cal dará conta a Xunta Directiva, que resolverá sobre a admisión ou inadmisión do asociado con recurso perante a Asemblea Xeral.
 

Art..- 29º
Os asociados poderán solicita-la súa baixa na asociación voluntariamente, en calquera tempo, pero isto non lles eximira de satisface-las obrigas que teñan pendentes con ela.
A Xunta Directiva poderá separar ou expulsar da asociación a aqueles asociados que os seus actos os fagan indignos de seguir pertencendo á mesma, así como adoptar calquera outra medida disciplinaria contra aqueles. A separación ou expulsión, así coma calquera outra medida disciplinaria adoptada, será precedida de expediente no que deberá ser oído o interesado, o cal será informado dos feitos que dean lugar a tales medidas, debendo ser ratificado pola Asemblea Xeral e contra a súa resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.


Art..- 30º
Os Asociados terán os seguintes dereitos:
 

  • a) Participar nas actividades que promova a Asociación e nos actos sociais que organice para tódolos asociados.
  • b) Gozar de tódalas vantaxes e beneficios que a asociación poda obter.
  • c) Asistir e exercita-lo dereito de voz e voto nas Asembleas Xerais. En todo caso cada asociado que sexa persoa xurídica terá dereito a un solo voto.
  • d) Ser nomeado membro da Xunta Directiva, na forma que prevén os Estatutos.
  • e) Posuír exemplar destes Estatutos e ter coñecemento dos acordos adoptados polos órganos directivos.
  • f) Ser informado sobre a composición da Xunta Directiva da Asociación.
  • g) Coñecer o estado de contas, ingresos e gastos da asociación tódolos anos, así como o desenvolvemento da súa actividade.
  • h) A impugna-los acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei e ós Estatutos.
     

Art.- 31º
Os asociados poderán ser sancionados pola Xunta Directiva por infrinxi-los presentes Estatutos, ou os acordos da Asemblea xeral ou a propia Xunta Directiva. As sancións poden comprender dende a suspensión dos seus dereitos durante un tempo, ata a separación definitiva da Asociación, nos mesmos termos que prevén o artigo 29º.
 

Art.- 32º
Serán obrigas de tódolos asociados.
 

  • a) Comparti-las finalidades da Asociación e colaborar para a consecución das mesmas.
  • b) Observar unha boa conducta individual e cívica.
  • c) Acata-los presentes Estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral.
  • d) Aboa-las cotas periódicas, derramas e outras contribucións que acorde a Asemblea Xeral.
  • e) Desempeñar fielmente as obrigas inherentes ó cargo que desempeñen.
  • f) Cumpri-lo resto que resulten destes Estatutos.

 

TÍTULO IV
DO RÉXIME ECONÓMICO E DA DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN



Art.- 33º
A Asociación carece de patrimonio e o seu presuposto anual é indeterminado ou, no seu caso, será o que se determine a principios de cada ano pola Asemblea Xeral.
 

Art.- 34º
A data de peche do exercicio económico da Asociación será a 31 de decembro e as contas da Asociación serán aprobadas anualmente pola Asemblea Xeral deberán ser expostas a Asemblea Xeral nun prazo non superior a 45 días dende o peche do exercicio económico.
 

Art.- 35º
Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento das actividades serán os seguintes:
 

  • a) As cotas periódicas que acorde a Asemblea Xeral.
  • b) As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola asemblea.
  • c) Os productos dos bens e dereitos que lle correspondan, así como as subvencións, legados, doazóns que poda recibir de forma legal.
  • d) Os ingresos que obteña a Asociación mediante o exercicio de actividades económicas lícitas que acorde realiza-la Xunta Directiva, incluídas as prestacións de servicios, deberán destinarse exclusivamente ó cumprimento dos seus fins estatutarios.

 

Art.- 36º
A Administración dos fondos da Asociación, levarase a cabo, sometida a correspondente información e intervención e coa publicidade suficiente, a fin de que tódolos asociados podan ter coñecemento periodicamente do destino dos fondos, sen prexuízo do dereito consignado a este respecto no apartado g) do art. 30 destes Estatutos.


Art.- 37º
No caso de disolverse a Asociación, a Asemblea Xeral que acorde a disolución nomeará unha Comisión Liquidadora, composta por cinco membros, a cal farase cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigas, o remanente, se o houbera, sexa entregado a calquera entidade legalmente constituída, con domicilio nesta provincia, que se dedique a iguais, ou no seu defecto análogos fins que esta Asociación ou a unha asociación benéfica.
Así mesmo, no caso de insolvencia da Asociación, a Xunta Directiva, ou, se é o caso, os liquidadores nomeados pola Asemblea Xeral, promoverán de inmediato o oportuno procedemento concursar perante o xuíz competente.
 

En proba de conformidade co presente proxecto de reforma de Estatutos, asinan os representantes da Asociación.
 

 

DILIXENCIA:

Eu, Salustiano Álvarez Seoane, Secretario da Asociación “Fonte do Milagro”, fago constar que os presentes Estatutos están adaptados ás previsións da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de Marzo, como consecuenica das modificacions acordadas pola Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o día un de febreiro de 2003.



Asdo.:             O Secretario Vº                     e Prace                 O Presidente
                Salustiano Álvarez Seoane                                 Evaristo Méndez Vila
 

El Tiempo Folgoso do Courel